Ao abeiro desta celebración debemos lembrar tamén, polas datas deste “adral” no que nos atopamos, que Otero Pedrayo foi, en 1974, o primeiro pregoeiro da Semana Santa de Viveiro e, no 2003, a Xunta de Confrarías concedeulle a título póstumo, a medalla de Honra da Semana Santa de Viveiro. Por orde cronolóxica, en principio forxouse a amizade entre ambos escritores iniciada cando Noriega foi “trasladado” de mestre a terras ourensás, primeiro a Calvos de Randín e logo a Outeiro, preto da casa grande de Cimadevila (Trasalba, Amoeiro) cuxo lar rexido por Vicenta Sotelo e despois por Eladia Pedrayo (avoa e nai de Ramón, respectivamente), sería un refuxio intelectual e persoal para o poeta nun momento vital que aproveitou para consolidar a súa produción literaria ao tempo que fornecía relacións cos círculos culturais de Ourense e Portugal, nomeadamente Teixeira de Pascoais. Daquela, o 9 de abril de 1974, tivo lugar o devandito pregón da Semana Santa de Viveiro no Salón de actos da Escola de Mestría, declamado en galego polo mestre da oratoria e da retórica: Otero Pedrayo, un “espectro decimonónico” como se autodefiniu naquel intre, aínda que lonxe da realidade, posto que tivo un gran papel na modernización da cultura galega, no primeiro terzo do século XX, silenciado despois trala guerra, na Ditadura.
Author: Aurelia Balseiro García (directora do Museo Provincial de Lugo)
Published at: 2026-03-18 19:45:01
Still want to read the full version? Full article